Monday 29 de April de 2024

O Concello impulsa a V edición do certame literario ‘Dillo ben bonito. O amor prémiase en Laxe’


• O prazo para presentar as propostas estará aberto ata as 11:00 horas do 8 de febreiro

• Haberá un total de nove candidaturas premiadas, que serán agasalladas cunha noite de hotel con almorzo para dúas persoas

• O obxectivo da iniciativa é promover a creación literaria a través das dedicatorias de amor

O Concello de Laxe prepárase para darlle a benvida ao “mes de amor” coa posta en marcha da quinta edición do seu concurso ‘Dillo ben bonito. O amor prémiase en Laxe’. A iniciativa, impulsada desde a Concellería de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura, ten o obxectivo de promover a creación literaria a través de dedicatorias de amor.

No certame poderán participar todas as persoas maiores de idade que así o desexen, con independencia de se residen ou non no municipio laxense. Aceptarase unha única proposta por persoa e, de presentarse máis, aceptaríase unicamente a primeira. Deberán versar sobre o amor en parella, ben sexa real ou platónico.

A dedicatoria deberá estar en formato A4 e conter entre 30 e 300 palabras. Ademais, deberá ter un título antes do texto da dedicatoria e estar asinada cun pseudónimo, escollido libremente pola persoa participante, ao final do mesmo.

O contido da peza, que pode ser escrito en formato prosa ou verso, deberá ser inédito e orixinal. Non se aceptarán traballos que xa foran presentados en edicións anteriores nin aqueles que teñan algún compromiso de publicación cunha editorial e/ou similar.
O prazo para participar nesta V edición do concurso comezará desde o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e rematará o vindeiro 8 de febreiro ás 11:00 horas.

As candidaturas poderanse presentar a través de tres modalidades: telemática (a través da sede electrónica municipal), por correo postal ou de xeito presencial no Rexistro Xeral da Casa do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Votacións e resolución do certame

O xurado estará conformado pola veciñanza, que poderá votar polas súas dedicatorias favoritas a través da páxina de Facebook do Concello de Laxe ou do servizo de mensaxería instantánea NovasLaxe.

O venres 9 de febreiro publicaranse todas as dedicatorias que reúnan os requisitos no Facebook municipal. O proceso de votación comezará nese mesmo intre e darase por concluído o día 16 de febreiro ás 11:00 horas. Nese momento procederase á recompilación dos votos.

O día 19 de febreiro daranse a coñecer os gañadores desta edición, que recibirán como premio unha noite de aloxamento e almorzo para dúas persoas nos seguintes establecementos: Cabanas Narea, Hotel O Náutico, Islow Coliving, Hotel Rústico e apartamentos turísticos A Torre de Laxe, Casa Rural O Arrueiro, Hotel Playa de Laxe, Apartamentos turísticos Os Batáns, Hotel Mar de Laxe e Hospedaxe-Residencia Bahía.

O premio poderase desfrutar no aloxamento correspondente desde a súa data de concesión ata o 31 de outubro de 2024.